Estou disposto a falar con todos se o que din é bo para Malpica

octubre 19, 2009 by  
Filed under Malpica

Comentarios desactivados en Estou disposto a falar con todos se o que din é bo para Malpica

Alfredo Cañizo Garrido estivo a piques de ser o alcalde de Malpica en 1995. A traizón dun compañeiro de partido impediullo e agora confía en sacar esa espiña que leva cravada dende entón. O candidato de Alternativa dos Independentes por Malpica (AIM) vai a por todas porque, segundo di, «é hora de que os veciños reflexionen e nos dean unha oportunidade». Iso si, o seu obxectivo é «facer unha campaña limpa», porque está orgulloso de levarse ben con todos os seus contrincantes e porque «chéganos con falar de nós».

-Dimitiu antes de rematar o mandado, ¿por que volveu?? -Alfredo Cañizo non marchou nunca porque deixei o meu compañeiro Eladio Moscoso. Pero eu tiña que traballar para poder vivir e para poder facer a campaña.

-¿Cal é o seu obxectivo?

-Lograr a alcaldía. Ben sexa con maioría absoluta, ben sexa con apoios, porque estamos dispostos a falar con todo o mundo e escoitar todas as propostas. Iso si, sempre pensado no ben de Malpica, porque para iso me presento.? -Polo tanto, está disposto a calquera tipo de pacto. -Estaría disposto a calquera cousa, pero sempre en beneficio de Malpica porque eu as únicas siglas que coñezo e defendo son Malpica. Lévome ben cos representantes de todos os partidos e non teño preferencia por ningún, o que ocorra despois do 27 de maio dependerá do que digan os veciños, por suposto, e do que propoña cada grupo. Estou disposto a falar con todos se o que din é bo para Malpica, esa é a única condición que poño, que favorezan ao pobo.

-¿Non hai preferencia por esquerda ou dereita?

-AIM non é de dereitas ou de esquerdas, senón que é un partido que naceu en Malpica e pensando unicamente en Malpica. Non é unha cuestión de ideoloxías, senón do que queira o pobo de Malpica, ao que penso defender a morte.

-¿Xa ten preparada a lista electoral?

-Está practicamente ultimada e no tema das mulleres non tivemos ningún problema, porque xa hai catro anos levábamos máis mulleres ca homes. O que si podo dicir e que todos os da lista son xente que lle queren ben a Malpica. Iso é o que nos une.

-Se desta vez, por fin, se converte en alcalde, ¿que sería o primeiro que faría?

-Hai moitas cousas por facer en Malpica. O primeiro que faría sería xuntarme cos traballadores do Concello para que isto funcione a tope e despois visitaría todas as parroquias para ver cales son as necesidades e facer unha lista de prioridades. Despois habería que ir tratando de solucionar todos eses problemas e, ao mesmo tempo, loitar por acadar o que aínda non se acadou. En definitiva, quero dedicarme plenamente ao Concello.