Cee sufriu a transformación máis grande da súa historia

octubre 19, 2009 by  
Filed under Cee

Comentarios desactivados en Cee sufriu a transformación máis grande da súa historia

Antonio Domínguez ten maioría absoluta en Cee e non quere nin oír falar de posibles pactos como os que se deron no pasado no goberno municipal. A única opción e revalidar esa maioría, e cree que o traballo feito é o mellor garante de que os cidadáns volverán a apostar en Cee polos populares.

-¿Que mudou en Cee nos últimos anos?

-Creo que durante os últimos seis anos Cee sufriu a transformación máis grande da súa historia. Hoxe Cee é un pobo cos servizos dunha gran cidade. É certo que nos últimos catro anos poderíamos ter feito máis cousas, pero nese tempo saneamos as contas do Concello. Tiñamos unha gran débeda, acabamos con ela e no último exercicio acadamos un superávit de medio millón de euros, e iso que a Xunta negounos o parque eólico.

-¿Con que se queda do feito no último mandato?

-Do que probablemente síntome máis satisfeito é de finalizar a piscina municipal. Foi unha gran obra que non só goza Cee e que é asequible para todo o mundo: non vai o que non quere.

-Outra gran obra pendente é a Casa da Cultura, que segue en obras.

-A Casa da Cultura é un proxecto sobredimensionado, pero está aí e temos que apechugar con ela e rematala. Investimos nela case 2 millóns de euros, e se non a rematamos é porque é demasiado grande.

-Aínda está pendente o Plan Xeral, nun momento en que se multiplicou o número de vivendas e subiron os prezos.

-Cee non foi alleo ao bum urbanístico, pero en Cee non se construíu para segundas vivendas. Hai moita xente de fóra que comprou pisos en Cee porque quere fixar aquí a súa residencia. O Plan Xeral eu sempre tratei de consensualo, nunca fixen uso da maioría. A dous meses das eleccións a oposición pediu que quedara sobre a mesa, e aí está, aínda que eu coido que era mellor ter seguido con el. Aínda sen plan, en Cee non se fixeron desastres urbanísticos. Había unhas normas e tratamos de cumprilas. As licenzas non as dá un alcalde de forma caprichosa.

-O último ano quedou marcado polos incendios e polas riadas.

-O último ano foi moi duro. Os incendios asolaron todo e como consecuencia diso viñeron as riadas. Por Cee pasaron moitos conselleiros e ata o presidente da Xunta, pero hoxe aínda sufrimos as secuelas. A Xunta non fixo nada e estamos reparando todo con cargo aos nosos presupostos. E queda moito por facer.

-¿Que retos lle quedan pendentes ao PP de Cee?

-O parque industrial hai que facelo xa. Leva un gran retraso, porque co cambio de Goberno na Xunta paralizouse a compra de fincas, pero hai que sacalo. Tamén faremos 60 vivendas de promoción municipal no Recheo para mozos e familias humildes. Nese edificio deixaremos un baixo de cerca de mil metros cadrados. Coa súa venda acadaremos fondos para adquirir edificios no casco vello e levar alí servizos. Os outros prometen moito, pero non din como o farán. Nós témolo ben pensado.?