O esquecemento do Camiño Xacobeo a Muxía

octubre 19, 2009 by  
Filed under Muxia

Comentarios desactivados en O esquecemento do Camiño Xacobeo a Muxía

O CAMIÑO Xacobeo de Santiago a Muxía está sendo esquecido por parte de institucións e asociacións en beneficio de potenciar o que vén de Santiago a Hospital (Dumbría) e vai deica Fisterra para logo dirixirse pola costa ata Muxía, o que era coñecido como camiño complementario.

A pesar diso, dende o século XII ata os nosos días siguen chegando á vila da Barca peregrinos polo que se coñecía como o Camiño Real a Muxía, sendo ducias de miles os días anteriores á romaría da Barca.

O historiador Xosé Antón Castro recolle no seu libro Muxía, finisterre da ruta xacobea e santuario de culto ás pedras datos moi significativos da importancia que tivo este camiño ao longo dos anos, nos que recolle aspectos como os restos dun hospital de peregrinos en Nosa Señora da O, do ano 1630. Así mesmo atopábase outro hospital ao carón da igrexa de Santa María de Muxía.

Neste libro fai un traballo completo da importancia do camiño a Muxía, e aparece unha cantiga anónima do século XVI que di: «Polo tempo en que Roldán/ chegara de Roncesvalles/ chegouse de cara o mar/ e na Pedra d’abalar/ cantou con sete xoglares/ as cancións de venerar/ a María nos altares/ para a Santiago alegrar».

O Camiño Real a Muxía está presente nos libros de historia, tanto da vila coma nos da ruta xacobea.

Xan Fernández Carrera e Enrique Rivadulla foron os encargados de facer o traballo sobre a Muxía xacobea, cando se nomeou a Romaría da Barca como de interese turístico nacional. Nun dos seus libros recollen un documento do ano 1119, do rei Afonso VII, dunha doazón feite ao mosteiro de San Xiao de Moraime, no que aparece a primeira alusión aos peregrinos en Muxía, así como o relato dun peregrino no 1446. Dende que a partires do século XII as peregrinacións a Santiago se intensifican e universalizan, despois da exaltación que o pontífice Alexandre III fai do xubileo compostelán, cando lle ofrece aos peregrinos indulxencia plenaria e remisión dos seus pecados, comézase a ter noticias da chegada de peregrinos a Muxía.

O Camiño Real

Ata os nosos días mantívose o nome de Camiño Real a Muxía, o que vén de Santiago a Hospital, Dumbría, Trasufre, Vilastose, Fumiñeo, Ozón, Moraime e remata en Muxía, xunto ao santuario da Barca, tras pasar por lugares tan significativos como o Camiño da Pel, ao carón do baño da pel , onde se lavaban os peregrinos e descansaban na sala do perello , unha evolución da palabra peregrino.

Polo tanto, non se explica como por promocionar o Camiño a Fisterra-Muxía, que nos documentos sobre os camiños aparece como complementario e que é tan importante como calquera outro, se deixa de lado o directo a Muxía. Tendo en conta que está aí dende tempos inmemoriais e que a lenda da Barca explica porque aí está o final da ruta xacobea.